segunda-feira, 16 de agosto de 2010

CRONICA DE ANTIGOS REIS

CRONICA DE ANTIGOS REIS
...
Que rio te conmove, segrel, que chúvia antiga
Cae no teu corazón para cantares, que árvore florida?
Lenes viñan as ondas e tamén na ribeira
Cantaban os barqueiros, os cegos
Transcrevian o seu desígnio, e temperaban
Os capitáns o tempo
Dando-lle á moa de afiar espadas: Era
O fluir do cântico e as pedras relocian
Para ser catedrais pórtico aberto
-tímpano foi a rocha mais lañada-
E soergueu a voz de entre as maquias, nas vendimas
Andou, cantou no berce, sob os piñeiros en flor
Imos bailar belida e entón o rei dispuxo
A sua voz no âmbito e as harpas
Retumbaran como quando no corazón estoura
Un amor ou unha fonte abre o seu chafarís
E corre sangre a mares, ese viño docíssimo
Nos corpos que se aman. El rei manda lavrar
Sobre lo mar as barcas e entra primavera
Nos reinos de ocidente, como se manda á flor
Esparexer perfume. Veñen logo os laúdes,
A flor de avelaneira, ai amor como viñan
Os rios na crecida todos de rosas fulxir:
Trovador ou segrel, señor da poesia,
Que ouros fixo da língua por honrar Maria.
E o rei, a treboada da sua voz, andaba
Nas eiras, nos beizos o seu canto quando chegou Abril
E ve-se a sombra ainda no horizonte,
Ouvide os rios...

In “Última fuxida a harar”
Antón Avilés de Taramancos

Sem comentários:

Enviar um comentário

Grato pela participação