quinta-feira, 11 de outubro de 2012

          O doutor Da Barca estaba a escribir unha carta de amor. Por iso tachaba moito. Pensou que para ese mester a linguaxe era dunha pobreza extrema e sentiu non ter a desvergoña dun poeta. El tiñaa cando se trataba dos outros presos. Parte de súa terapia consistía en animarlos a lembrar as querencias e a poñerem unhas letras no correo . E prestaba a súa man para escribir con bo humor algunhas daquelas 
cartas. Chámase Isolina , doutor, Isolina? Isolina...Olor verde limón y naranja mandarina. Que che parece?
         Vaille gustar doutor. Ela é moi natural.
         Pero cando se trataba del, sentía que, en efecto, todas as cartas de amor eram ridículas. Ás veces ficaba abraiado co que un enfermo podía dicir sin artificio. Doutor, póñalle que que non se preocupe por min . Que mentras ela viva, eu non morrerei nunca. Que cando me falta o aire, respiro pola súa boca.
        E aqueloutro: Poña aí que volverei. Que volverei para tapar todas as pingueiras do tellado.
        Tachou de novo o encabezamento. A de hoxe tña que ser unha carta especial. Escrebiu, por fin: Muller. Foi entón cando oíu petar na porta do cuarto. Era xa tarde para os costumes do sanatorio penal, pasadas as once da noite. Quizais se tratase dunha urxencia. Abrui, disposto a disimular a contrariedade. A madre Izarme. Noutras ocasíons bromearía por mor do seu hábito branco de mercedaria, ah, pensei que era usted unha frangulla ecloplasmada!, pero desta vez notou unha sensacíon de irrealidade que o perturbo pola parte do pudor. A monxa sorría cinha picardía de muller. De repente, sen outro saúdo, sacou debaixo da saia unha botella de coñac.
       Para vosted, doutor. Para a noite de vodas!
       E foise apurada polo corredor, coma quen foxe da alegre ousadía, deixando unha aura de ollos acesos.
       Azul gris verde. 


       Ollos algo esgazados, cun pregamento da pel en semilúa nas pálpebras.
       Como os de Mariza. 


       Deus no existía, pensou Da Barca, pero si a providencia.

Manuel Rivas
O lapis do carpinteiro
Edicións xerais de Galicia